Novelas de GTB

GTB escribiu vinte e tres novelas entre 1943 e 1999.

Portada de Javier Mariño

Novela de difícil encaixe en calquera das correntes realistas dos anos 40, non só polo tema e o ambiente, senón sobre todo pola personalidade do seu protagonista. Javier Mariño é un mozo español cuxa vida constitúe un enfrontamento continuo entre tres problemas: a súa moral relixiosa, a súa concepción do amor e unha ideoloxía política adquirida. A linealidade estrutural e a mestura de niveis de expresión son defectos de forma atribuíbles a calquera narración primeira. O contido, desvirtuado pola modificación do final, consecuencia de problemas coa censura, adquire un sentido ideolóxico que para nada necesitaba a trama. (Carmen Becerra, «Bibliografía comentada», en Los Mundos de Gonzalo Torrente Ballester, 2010, t. II, p. 233 e ss. En diante, CB).

Portada de El golpe de estado de Guadalupe Limón

Xorde de novo o tema do mito: a súa orixe, desenvolvemento e falsidade. Argumentalmente refire unha historia de amor e de intriga na que se desenvolve unha rivalidade persoal e amorosa entre dúas mulleres, rivalidade que dará lugar a increíbles consecuencias. O golpe de estado é unha ficción histórica que require ser contada de novo para dar paso á verdade. Así, póñense de manifesto dous aspectos da literatura torrentina: o seu gusto pola historia e a súa tendencia á desmitificación. CB.

Portada de Ifigenia

Supón a recreación dun mito clásico por medio da subversión de todos os valores tipificados ao atribuírlle unha serie de rasgos que poden chegar a ser opostos aos tradicionais. Esta novela curta podería significar o escepticismo ao que chegara o seu autor respecto ás ideoloxías políticas. CB.

A triloxía Los gozos y las sombras, probablemente a obra que máis popularidade deu ao seu autor, desenvólvese case totalmente en Galicia: terra e xente que, por nacemento, experiencia e reflexión, coñece perfectamente. Nacida cando o realismo social imperaba na literatura española, escapa desta corrente ao non utilizar os materiais novelescos procedentes da realidade circundante para transformar esa realidade, senón para analizala en profundidade e escarvar nas súas máis fondas causas. Na relación Carlos Deza- Clara Aldán reaparece o concepto de amor que descubríamos en Tobías. Exquisito tratamento da psicoloxía feminina. Nesta triloxía Torrente proporciona ademais a súa particular visión do tema do pazo nunha determinada época. Tema utilizado tamén por outros autores galegos, como Elena Quiroga, Pardo Bazán ou Valle-Inclán, se ben atendendo a outro momento do proceso e desde outra perspectiva. CB.

Portada de Don Juan

Orixinalísima versión do noso mito literario máis universal. O audaz burlador sevillano pasease polo París dos anos sesenta, utilizando, para as súas conquistas amorosas, métodos máis sutís e harmoniosos, aos que se viu naturalmente empurrado polas limitacións que os anos impoñen. Entre outras cousas de similar importancia, Torrente proporciona aquí unha explicación teolóxica ao donxuanismo de Don Juan. En moitas das súas páxinas anúnciase a faceta lúdica que alcanzará a súa plenitude en La saga/fuga de J. B. A estrutura, que indubidablemente remite a Cervantes, é máis experimental e complexa que en narracións anteriores. CB.

Portada de Off-side

Galeria de personaxes marxinais sen conexión entre si, pero relacionados todos eles por medio do lazo que establece cada grupo con un dos protagonistas da novela. Utiliza a técnica do obxectivismo poñendo de manifesto as súas limitacións para alcanzar un coñecemento profundo da alma humana, porque, afirma Torrente Ballester, o home é un animal que mente. CB.

Portada de La saga/fuga de J.B.

Primeira obra da denominada por sectores da crítica “Triloxía fantástica”. Novela dunha enorme complexidade estrutural e de difícil lectura se se pretende descubrir todos os seus niveis significativos. O seu protagonista, J. B. representa, no mundo galego, o mito do sebastianismo, mito celta de redención. Únicamente a linguaxe sustenta o fantástico mundo narrativo creado, converténdose no seu principal fundamento; de aí que case todos os recursos que se empregan teñan como base o xogo lingüístico. O problema da diversidade do eu alcanza aquí un enorme desenvolvemento. Torrente Ballester despregra con maxisterio a totalidade dos sistemas narrativos: o discurso, o monólogo interior, a carta, a narración en terceira persoa, a crónica xornalística… Os materiais utilizados son tan diversos como os recursos: desde personaxes reais a personaxes literarios ou inventados, desde a burla do estructuralismo ao uso de lendas trasunto doutras ben coñecidas, desde o mago Merlín até os cabaleiros da Mesa Redonda, desde a gramática de Bello ata a levitación dunha cidade enteira… Cultura, fantasía e dominio da arte produciron esta fascinante novela na que o humor e a ironía alcanzan as súas máis altas cotas. CB.

Portada de Fragmentos de Apocalipsis

Segunda obra da chamada “Triloxía fantástica”. Desde o subtítulo sabemos cal é a historia que se conta: como se fai unha novela. A narración contén tres planos: o relato realista, a narración fantástica e a reflexión crítica. As interferencias entre os planos producen desrealización do real e ambigüidade, recurso moi usado polo novelista. Unha vez máis, a presenza de materiais culturais é importante. CB.

Portada de Las sombras recobradas

Libro de relatos, algúns reescritos –El cuento de Sirena, Farruco el desventurado– e outros de nova factura –Farruquiño, Mi reino por un caballo, El hostal de los dioses amables–, pero todos co nexo común de proceder de historias de familia, dos recordos. El cuento de Sirena recolle a lenda dun dos Mariño, salvado pola Sirena dunha morte segura que o devolve a terra coa condición de que un día virá buscar a un dos Mariño, e levárao con ela ás profundidades. Farruco el desventurado e Farruquiño proceden ambas da mesma semente: o mundo infantil do autor.

Portada de La isla de los Jacintos Cortados

Última obra da denominada “triloxía fantástica”. “Carta de amor con interpolacións máxicas” é o subtítulo que responde á narración, desde o presente, dun proceso de sedución fracasado (carta de amor) e os recursos utilizados nese proceso (interpolacións). Paralelamente, utilízase o relato realista, nun caso, e o relato fantástico, no outro, deixando ben clara a diferenza entre ambos planos. Non obstante, as interferencias, como en novelas anteriores, tamén se producen aquí. O ritmo dos dous planos é diferente, sendo o do plano fantástico dependente do ritmo do plano real. É interesante destacar que, por razóns diversas, é o personaxe de Napoleón quen sustenta ambos planos. CB.

Portada de Dafne y ensueños

Novela na que a mestura da realidade vivida (mundo infantil do autor) e a historia soñada (historia de Dafne) non obedece somente ao mero deseño formal –capítulos pares para unha, impares para a outra– senón a unha auténtica fusión de ambos mundos; de maneira que mentres o fantástico convértese en real, o real adquire categoría de soño e de misterio. CB.

Portada de La Princesa Durmiente va a la escuela

Novela escrita entre os anos 1950-1951. Non se efectúan, nesta edición, máis correccións que as de mero detalle, respectando o estilo de Torrente daquela época, feito que nos revela que o seu autor non naceu espontaneamente con La saga/fuga de J. B. O punto de partida é o conto de La bella durmiente; Torrente espértaa no século XX e sométea a un proceso de educación e actualización, facendo pasar ante ela, nuns días, varios séculos de Historia. Para a análise desta novela e da traxectoria do seu autor é importante ter en conta o pesimismo do desenlace. CB.

Portada de Quizá nos lleve el viento al infinito

Facendo uso das técnicas da novela policíaca, elabora unha traballada trama na que descubrimos, por medio dun novo e orixinal enfoque da multiplicidade do eu (un ser que só é a través doutros), temas xa comúns na novelística de Gonzalo Torrente: o amor, a liberdade, a falsidade e a manipulación da historia, os mitos contemporáneos…. CB.

Portada de La rosa de los vientos

Unha ampla gama de estilos literarios, acordes coa diversidade de narradores compoñen esta historia, cuxo lugar, tempo e algúns dos seus personaxes son trasunto doutros históricos que se recrean, inventan ou modifican. Técnica epistolar e multiperspectivismo. CB.

Portada de Yo no soy yo, evidentemente

Parodia da multiplicidade do eu inspirada no problema dos heterónimos de Fernando Pessoa. Estrúcturase en dous planos, o da realidade e o da ficción, sendo este último o motor do primeiro; isto é, a acción do plano da realidade avanza ao fío dos datos que imos descubrindo no plano da ficción. Os capítulos Gamma, Zeta e Sigma –plano da ficción–, conteñen a busca da voz, a creación do espazo e a invención dos personaxes, respectivamente. De entre os diversos estilos que, por contido, exixe a novela, destacan o de Uxío Preto e o de Ana María Magdalena, voz por medio da cal constatamos o profundo coñecemento do autor de determinados tipos femininos. CB.

Portada de Filomeno, a mi pesar

Con esta novela, escrita en forma de memorias (“Memorias de un señorito descolocado”), Torrente sorprédenos ao abandonar o mundo mítico-fantástico no que nos instalara durante máis dunha década, e introducirse de novo na ficción realista. A novela caracterízase por posuír un ameno argumento e unha evidente sinxeleza técnica: ordenación clara dos sucesos que discorren cunha case total linealidade temporal, a través dunha única e inconfundíbel voz narrativa. A receita é simple: combinación do discorrer vital dun personaxe cun amplísimo e coñecido trasfondo histórico. Destacamos pola súa calidade estética e pola presenza do humor, rasgo capital na produción torrentina, o capítulo seis e final. CB.

Portada de Crónica del rey pasmado

A acción, que se sitúa no século XVIII, xira arredor da pretensión do rei de ver á súa muller espida e á conmoción que tal desexo provoca na Corte de Madrid, entre os seus súbditos e o clero. A escaseza de datos históricos, datas e nomes propios responde á intención de non encaixar a novela precisamente na fórmula na que a crítica, de maneira xeral, a situou, novela histórica. Relato divertidísimo onde o sexo e o pecado, tan intimamente unidos no pensamento tradicional católico, convértense nesta novela no obxecto da parodia. Como en moitas das súas outras creacións advertimos varios planos de lectura: desde o divertimento superficial á análise crítica de determinadas situacións sociais. CB.

Portada de Las islas extraordinarias

Novela de aparencia fantástica e detectivesca que contén, a pesar da súa brevedade, unha interesante complexidade ideolóxica debido á presenza de temas, discursos e contradiscursos procedentes dun bagaxe cultural que o autor utiliza e transforma. Aborda o último tratamento do poder, tema moi frecuentado polo autor, a súa esencia e as consecuencias que acarrexa o seu exercicio. CB.

Portada de La muerte del decano

Nova mostra da utilización dos chamados xéneros populares: novela de tipo policíaco ou detectivesco, desenvolvida en ambiente universitario e na que se investiga a causa e o autor da inesperada morte do decano. O descubrimento do enigma está intimamente relacionado coas distintas concepcións da Historia que sosteñen os personaxes. CB.

Portada de La novela de Pepe Ansúrez

Narración de carácter metaficcional na que o lector enfróntase a un texto fragmentado cunha conciencia narrativa cambiante entre os diversos personaxes, que opinan de forma diverxente sobre a novela que pensa escribir Pepe Ansúrez. Con esta técnica, o autor ofrece un cadro satírico no que debuxa a vida dunos personaxes vulgares, inmersos en pequenas intrigas e miserias cotiás, e sobre os que arroxa unha mirada á vez grotesca e terna. CB.

Portada de La boda de Chon Recalde

Novela coa que Gonzalo Torrente mostra o seu coñecemento da vida social e as costumbres dunha cidade departamental. Desenvolvida na inmediata posguerra española, as irmás Recalde, pero fundamentalmente Chon, loitan pola súa dignidade persoal mantendo os seus principios, fronte a unha ríxida sociedade de castas onde a hipocrisía é o valor máis evidente. É destacable a visión da muller neste tipo de sociedade. CB.

Portada de Los años indecisos

Excelente mostra da novela autoficcional, fórmula moi utilizada polos narradores contemporáneos, que permite ao autor unha nova indagación sobre a identidade. A acción, que discorre nos anos inmediatos á II República, reflicte a incerteza dun mozo, sen nome, cuxo futuro está por decidir e que só colleita dúbidas e fracasos. CB.

Portada de Doménica

Publicado despois da súa morte, é a única incursión do autor na literatura infanto-xuvenil. Neste relato, Gonzalo Torrente narra unha divertida e fabulosa aventura despregando todas as súas dotes para a imaxinación e a fantasía. Esta primeira edición está belamente ilustrada por Maravillas Delgado. CB.