A Fundación
Fundación Gonzalo Torrente Ballester

A Fundación Gonzalo Torrente Ballester (FGTB), constitúese en Santiago de Compostela o 22 de xullo de 1999. Son institucións fundadoras da mesma: a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela. Defínese como unha entidade “de interese galego, de carácter cultural, privada, permanente e sen ánimo de lucro”.
A FGTB custodia o legado do seu fundador albergando a totalidade da súa biblioteca e o seu arquivo persoal integrado por artigos, cartas, enseres persoais, cadros e distincións, así como centos de bobinas e cintas magnetofónicas coa súa voz.
Desde os seus comezos, a sede da FGTB converteuse nun punto de referencia importante da actividade cultural de Santiago de Compostela converténdose en lugar de encontro de artistas, escritores, investigadores e persoas relacionadas co mundo da ciencia e a cultura en congresos, seminarios, conferencias, exposicións, coloquios e proxeccións, que contribúen á difusión da literatura, a arte, o teatro, o cine ou a fotografía.
Fins
Os fins da Fundación resúmense en promover o estudo da obra de Gonzalo Torrente Ballester e a conservación do seu legado cultural, e concrétanse en:
- Promocionar a investigación e o estudo da figura e a obra de Gonzalo Torrente Ballester.
- Contribuír á localización e recuperación de toda a produción do autor, tanto a de carácter profesional ou público, como a de carácter privado ou persoal.
- Reunir o seu patrimonio bibliográfico e documental (manuscritos, fotografías, etc.). En definitiva, os bens que compoñen o seu arquivo persoal co fin de garantir a súa permanencia no tempo e no espazo.
- Contribuír e participar do desenvolvemento humano, cultural, social e científico de Galicia en particular e de España en xeral.
Centro de investigación GTB
Biblioteca

A biblioteca da Fundación Gonzalo Torrente Ballester custodia o legado do seu fundador, que cedeu á institución a totalidade dos seus libros procedentes dos seus domicilios de Salamanca e A Ramallosa (Pontevedra). Todos e cada un dos exemplares que compoñen a súa biblioteca persoal, selados co ex libris do seu propietario, teñen un valor incalculable por conformar o universo de lectura no que habitou Gonzalo Torrente, no que se formou para desenvolver as súas vertentes profesionais de escritor, crítico e profesor e as súas diversas e variadas afeccións e intereses (música, arte, teoloxía…). Pero ademais, a biblioteca atesoura exemplares especialmente valiosos por conteren dedicatorias persoais, anotacións do propio Torrente Ballester ou pola súa antigüidade ou rareza.
O fondo consta de preto de 14.000 libros organizados mediante a CDU (Clasificación decimal universal). A biblioteca forma parte da Rede de Bibliotecas de Galicia e o seu catálogo pódese consultar en rede.
Neste fondo bibliográfico, que ocupa a segunda planta do edificio, podemos diferenciar cinco grandes seccións:
- Áreas de coñecemento sobre as que GTB lía e estudaba: filosofía, teoloxía, lingua e lingüística, arquitectura, pintura, fotografía, música, historia, da súa variedade e volume infírese o ilimitado interese pola arte do prolífico e polifacético autor.
- Literatura, teoría e crítica da literatura, a máis numerosa dado o seu oficio de escritor e profesor de literatura e gramática, profesión esta última que exerceu durante corenta anos e que reivindicou por encima de calquera outra das súas.
- Publicacións periódicas, sección constituída por números soltos de publicacións que conteñen artigos de e sobre GTB e outras ás que estaba subscrito ou adquiría con asiduidade, entre os cales atopamos tanto revistas literarias e culturais (Cuadernos hispanoamericanos, Nós, Escorial, Cruz y raya, Boletín de la RAE, Revista de occidente, Grial) como publicacións da máis diversa índole (Paris Match, Revista de arqueoloxía, Concilium. Revista internacional de teoloxía, National Geographic, Gaceta ilustrada).
- Obra de GTB. Nun lugar diferenciado do resto do fondo, ubícase a práctica totalidade das edicións publicadas, así como as traducións e as súas colaboracións en volumes colectivos con artigos, conferencias, etc., ou doutros autores con prólogos e introducións. A biblioteca tamén conta cunha sección dedicada aos estudos sobre GTB. É a única aberta, que se mantén en constante crecemento para actualizala coas últimas publicacións e traballos de investigación (teses, tesinas).
- Fondo antigo. Considerando como tal aqueles exemplares publicados con anterioridade a 1900, a colección complétase con uns 250 volumes. O exemplar de maior antigüidade, de temática relixiosa, data do ano 1669.
Na primeira planta da sede (a sala de lectura), atópase o fondo FGTB composto por todos aqueles libros que non pertenceron á biblioteca persoal de GTB: publicacións relacionadas coas actividades culturais que se desenvolven na institución (exposicións, congresos, etc.). Tamén as doazóns, destacando a recibida, procedente de Nova York, da profesora americana Drosula Lytra á FGTB de aproximadamente mil volumes, a maioría de literatura española.
Arquivo
Compóñese de doce seccións inventariadas e en proceso de descrición e dixitalización:
Orixinais
Consta de 29 caixas e 165 expedientes. Trátase dunha das series máis valiosas por conter orixinais manuscritos e mecanografiados, galeradas corrixidas, versións diferentes dunha mesma obra, apuntes, notas, prólogos, conferencias, artigos, etc.
Adaptacións dalgunhas obras de GTB
Esta serie compóñese de 6 caixas e 47 expedientes e contén guións e proxectos de adaptación de diferentes obras de GTB, algúns levados a cabo (Los gozos y las sombras, El rey pasmado) e outros non (Campana y piedra, El golpe de Estado de Guadalupe Limón, Off-side, entre outras).
Prensa
25 caixas conteñen, clasificados en 71 expedientes, os artigos escritos por GTB en prensa, outros publicados sobre el e a súa obra (entrevistas, recensións) e algúns de temática diversa que interesaron ao escritor no seu momento.
Traballos, teses e publicacións sobre a obra de GTB
15 caixas e 85 expedientes.
Obras enviadas a GTB para a súa crítica
Nestas 17 caixas cos seus 128 expedientes atópanse obras de diversa índole (literarias, de investigación, traducións…).
Correspondencia
O epistolario de GTB ocupa 13 caixas cun total de 3745 pezas.
Fotografías
En 11 caixas gárdanse álbums, fotografías, negativos e diapositivas do ámbito persoal e profesional da vida de GTB.
Música
19 caixas conteñen 329 discos de diferentes xéneros musicais, propiedade de GTB.
Cintas e cartuchos
Sen dúbida, a sección máis singular e valiosa do arquivo, por conter un total de 407 pezas, algunhas de música pero na súa maioría gravacións que GTB realizou cos seus magnetófonos e gravadoras. En proceso de dixitalización, transcrición e ordenación, as gravacións clasifícanse en: entrevistas, notas de traballo, conferencias, clases e diarios persoais.
Expediente persoal
1 caixa
Honras e distincións
Consta de 7 caixas con 111 pezas, algunhas delas expostas na sede da fundación.
Varios
Compóñese de 6 caixas que conteñen todo tipo de documentación contida nos libros da biblioteca de GTB.
O recuncho do escritor
Unha das constantes da vida de Torrente foi a de habitar un espazo amable, harmónico, que lle permita illarse cando así o pidan os seus fantasmas.
(Francisco Castaño, 1996)

